O Xurado do Evento TIKTOK “Conecta coa Economía Circular” deu a coñecer o seu fallo

18/03/2022

A Unión de Consumidores de Galicia e o Concello de Santiago deron a coñecer os nomes das gañadoras do concurso de Tik Tok Conecta coa Economía Circular.

A finais do ano pasado, o Concello de Santiago de Compostela e a Unión de Consumidores de Galicia puxeron en marcha diversas actividades para fomentar entre as persoas consumidoras do Concello de Santiago un coñecemento máis profundo da economía circular.  O concurso Conecta coa Economía Circular a través da aplicación Tik Tok era unha desas accións, unha proposta de concienciación e sensibilización destinada a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 13 e 17 anos que residisen ou estudasen no concello compostelán. Para participar tiñan que realizar un vídeo a través da aplicación Tik Tok centrado nas 4R, reducir, reutilizar, reciclar e reparar. Os vídeos debían ter unha duración máxima dun minuto e utilizar o hashtag #EuCompost_ela.

O xurado, conformado por representantes do Concello de Santiago de Compostela, da UCGAL e polo coñecido crítico cinematográfico e musical  Moncho Lemos, outorgou o primeiro premio deste concurso a Lucía García Amado, que se centrou en como abordar a problemática da contaminación ambiental a través das 4R; o segundo a Amira Rosón Prieto que apostou por mostrar como darlle unha segunda vida á roupa; e o terceiro a Rebeca Rey Vázquez, que abordou o impacto que está a ter o gran volume de lixo que xeramos e como podemos facerlle fronte. O xurado destacou a calidade e a creatividade dos traballos presentados.

O primeiro premio do concurso consiste nun vale por 200 euros para usar no comercio local compostelá. Tanto a segundo como a terceira premiada recibirán un vale por 100 euros a gastar en distintos establecementos comerciais de Santiago pertencentes ás asociacións Compostela Monumental, Puntocompostela, Santiago Centro e Barrio de San Pedro.

 

Deixa unha resposta