Pagaba dúas pólizas de seguros porque o BBVA non fixo ben o seu traballo

9/11/2016

Seguro hogarÁs veces, a falta de confianza das persoas consumidoras nas entidades bancarias está máis que xustificada. O caso dunha asociada da Unión de Consumidores de Galicia que levaba máis dunha década pagando dúas pólizas en concepto de seguros do fogar porque o BBVA non obrou coa dilixencia mínima esixida, súmase ós milleiros de reclamacións que acumula a banca neste país.

Os feitos remóntanse a 2002, cando esta asociada vende unha vivenda da súa propiedade e adquire outra; ambos inmobles tiñan hipoteca co BBVA. Naquel momento, a entidade acordou con ela que se encargaría de tódalas xestións necesarias para proceder á cancelación da hipoteca do inmoble vendido e de todos aqueles produtos e servizos contratados asociados a esa hipoteca como a póliza de seguros de BBVA Seguros.

Recentemente, esta asociada decátase de que o BBVA pásalle dous recibos anuais en concepto de seguro do fogar. Cando traslada esta situación á persoa responsable da súa oficina bancaria e esixe o reembolso dos cartos pagados indebidamente, contéstanlle que o BBVA non pode reembolsarlle o diñeiro porque a súa compañía aseguradora é Liberty Seguros. Neste punto, convén precisar que, como tomadora da póliza, non recibiu comunicación por parte do BBVA da modificación de compañía aseguradora. Calquera modificación do contrato de seguro debe ser comunicada polo asegurador ó tomador e, neste caso, esta persoa non foi informada polo BBVA de ningún cambio relacionado coa súa póliza. Basicamente, tomaron a decisión por ela.

Esta organización, tras tramitar a reclamación pertinente en nome da súa asociada, logrou a cancelación da póliza e que BBVA Seguros aboase máis de 700 euros en concepto de devolución de primas indebidamente cobradas.

UCGAL considera que BBVA non obrou coa dilixencia debida nin velou polos intereses da súa asociada, clienta desa entidade bancaria; é máis, considera que BBVA antepuxo os seus intereses por riba de todo e que durante anos cobrou, de xeito indebido, un seguro que non tiña razón de ser.

Deixa unha resposta