Rafael Urrialde: “Todos os nutrintes son necesarios, incluso as calorías e o azucre. No equilibrio está a clave”

9/01/2014

Rafael Urrialde, esquerda, coa presidenta de UCGAL, Ana Olveira

 

Semella difícil casar os conceptos de bebida gaseosa refrescante e alimentación sa. Pero en CocaCola propuxéronse promocionar un estilo de vida que equilibre a dieta variada coa actividade física. E nese equilibrio defenden non deixar de lado calorías, azucres… porque “calquera nutrinte é necesario nas súas xustas proporcións”. Así o defendeu Rafael Urrialde, responsable da Área de Saúde e Nutrición de Coca-Cola, na entrevista que nos concedeu tras intervir nas ponencias da xornada ‘Alimentación: Información e Comunicación’, o pasado 13 de novembro. Cunha primeira aclaración ao respecto de que lle ofrecen ao consumidor “a opción de que poida decidir entre consumir un producto con ou sen azucre en toda a nosa gama de produtos”, Urrialde defendeu, en clave de humor, utilizar o ‘ascensor saudable’, isto é: as escaleiras

Tendo os consumidores esa opción de elixir entre bebida con e sen azucre, polo que constatades nas vendas, demostran que teñen tanto interese, como se nos fai ver, nunha vida máis sa elixindo bebidas sen azucre?

O consumidor o que busca é ter cada vez máis opcións para poder elixir, iso é o importante, que poida elixir na súa capacidade de decisión, grazas á etiquetaxe e a información pero en calquera alimento, non só en bebidas refrescantes. Para un consumidor san son opcións, para un con patoloxía son alternativas. Un paciente diabético, por exemplo, non pode tomar alimentos cun nivel elevado de azucre.

Hai campañas que poñen o acento en evitar bebidas refrescantes con gas á hora de levar unha vida sa…

Se estigmatizas determinados conceptos ou matices podes xerar unha problemática. Mesmo co azucre, que é necesario porque é un nutriente. Agora ben, cos excesos cometes unha actuación fóra do modelo comportamental normal, no que tes unha serie de cantidades de hidratos de carbono ou azucres que consumir diariamente. Como exemplo, o 18% das calorías da dieta poden vir dos azucres. Pero ese 18% para unha persoa que consuma 2.000 calorías é unha cantidade concreta, mentres que para outra que consuma 4.000 é o dobre. Acontece o mesmo coas proteínas, acedos graxos… No equilibrio está a clave. Descontextualízase todo, igual que no seu momento o peixe azul. Calquera nutrinte é necesario nas súas xustas proporcións.

Que papel xoga a actividade física nese equilibrio?

Os expertos en nutrición traballabamos priorizando a alimentación ante a actividade física. Hoxe temos que cambiar. A primeira mensaxe é que a poboación ten que facer actividade física para o control do peso e para combater a prevalencia de sobrepeso e obesidade, para previr osteoporose… para saúde física, mental e mesmo social, para a interrelación entre as persoas. Todos os indicadores de calquera patoloxía melloran substancialmente se se fai exercicio físico porque o noso corpo está deseñado para queimar enerxía coa actividade física. Necesitamos calorías, non nos esquezamos. Hoxe o importante é informar e formar a todos os ámbitos da cadea da saúde: os médicos de atención primaria, tamén farmacéuticos, cardiólogos, pediatras… e mesmo as administracións e as empresas de alimentación.

Deixa unha resposta