Banca e electricidade centraron o maior número de reclamacións en 2013

26/02/2014

Animabamos hai uns días aos nosos seguidores en redes sociais a atrevérense a adiviñar que servizos foron os que sumaron maior número de reclamacións das recibidas na Unión de Consumidores de Galicia durante o ano pasado. Telefonía e luz foron as respostas máis inmediatas. Unha asociación máis que comprensible tendo en conta que a cada vez máis elevada factura eléctrica e as artimañas das grandes operadoras de telefonía centran a maior parte das queixas que se oen no día a día. Pero no 2013 houbo un sector especialmente sensible para os consumidores galegos. Fas memoria?

SERVIZOS. Banca, electricidade e telefonía móbil. Eses son os tres sectores que maior número de reclamacións rexistraron en UCGAL en 2013. Por esa orde pero con diferencias no que a cifras se refire: a banca/servizos financieros representan case o 82% do total de 2.224 reclamacións do ano pasado (a gráfica amosa os oito primeiros sectores coas cifras máis altas). A razón atopámola na problemática das preferentes. Unha distribución similar ofrece o apartado de consultas: no sector ‘estrela’ do ano pasado, isto é na banca e servizos financieiros, en UCGAL recibimos un total de 3.814 consultas, mentres que en electricidade a cifra quedou nos 1.165 e en 845 cuestións no que a telefonía móbil se refire (total anual: 7.760).

      

PRODUTOS. Doutra banda, no que se refire a productos, comparativamente o número foi moito menor e a distribución máis homoxénea, sendo a roupa e os produtos informáticos os que acapararon maior cantidade de reclamacións, dun total de 87 (a gráfica amosa os seis primeiros resultados). Fronte a esta distribución, a gráfica de consultas neste apartado de consultas ofrece unha visión diferente, sendo a compra de automóbiles, xunto coa sempre presente telefonía móbil, os produtos sobre os que os consumidores formularon máis cuestións (o total de consultas en 2013 foi de 1.195)

      

TOTAIS. Falando xa de cifras totais, en UCGAL pechamos o ano 2013 con 8.955 consultas (7.760 en servizos e 1.195 en produtos); e rexistramos un global de 2.311 reclamacións, das que 2.224 se deron nos servizos mencionados e 87 foron referentes a produtos. Accede ao desglosamento completo de cifras facendo clic aquí.

Deixa unha resposta