As redes aínda non son decisivas na compra de alimentación

30/11/2016

Estudo Confianza Establecementos Alimentación

A Unión de Consumidores de Galicia presentou onte o II Estudo Confianza Establecementos Alimentación, un traballo de máis de catro meses no cal participaron 1952 persoas. Este estudo explora os principais aspectos que teñen en conta os galegos e as galegas á hora de facer a súa compra e de decantarse por un establecemento comercial.

Para a realización deste estudo, UCGAL tivo en conta 15 aspectos a valorar polos participantes, aspectos que inciden na opción de compra e outros que están vinculados ó proceso en si. Entre todos eles, a confianza segue a ser o máis importante; obtén a mesma valoración que en 2012 e segue a ser o único que supera os 9 puntos.

A compra en liña e o emprego de redes sociais como fórmulas de comunicación foron incluídos como elementos de valoración xa que UCGAL considera que irán cobrando un maior protagonismo tanto á hora de facer a compra coma á hora de servir como canle de comunicación entre os grupos de distribución e as persoas consumidoras e como vía para o tratamento de queixas e consultas. Porén, de momento, son elementos que non inciden na decisión de compra ou elección de establecementos dos consumidores galegos. A súa nota é a máis baixa dos quince aspectos a valorar polas 1952 persoas que realizaron a enquisa da UCGAL.

ucgal_grafic03f6-6128d

Os nove grupos de distribución analizados contan con plataformas de venda online pero a usabilidade das mesmas difire de forma significativa. No que respecta ó uso de aplicacións para dispositivos móbiles, só tres dos grupos (Mercadona, Gadis e Froiz) non contan a día de hoxe con ela, un dato que contrasta cos que esta organización manexaba en 2014 a raíz do I Estudo da Cesta da Compra en Liña, cando só un deles contaba con esta ferramenta.

No tocante ás redes sociais, os grandes grupos de distribución son plenamente conscientes do enorme poder das mesmas como canle de comunicación. Especialmente activas son as canles de Twitter xa que gran parte dos comentarios e queixas das persoas usuarias canalízanse a través desta rede. UCGAL comprobou que tras un ano da presentación do Informe 2015 sobre Atención ó Consumidor nos grupos de distribución so Froiz segue sen ter un perfil nesta rede social.

Xa para rematar, esta entidade comprobou que o uso de Facebook segue a medrar pero considera que, en moitas ocasións, as publicación nesta rede social pecan dun excesivo corporativismo.

Deixa unha resposta