Tips para unhas rebaixas seguras

7/01/2014

Se hai unha razón pola que moitos e moitas agardan que as festas do Nadal cheguen á súa fin, esa é, ademais da volta a unha necesaria normalidade, a apertura da tempada das rebaixas de inverno. Das ‘oficiais’, posto que desde desde a liberalización aprobada en xullo de 2012, as ‘rebaixas’ como tal xa non están atadas aos períodos tradicionais (verán e inverno). De feito, moitos comercios de Galicia teñen colgados o cartel de descontos desde hai días, nun intento por dinamizar as ventas con motivo do Nadal e as compras de Reis.

Pero é hoxe, 7 de xaneiro, a data de apertura ‘oficial’ das rebaixas de inverno. Serán moitos e moitas os e as que merquen aproveitando os suculentos descontos anunciados con espidos manequíns e coloridos carteis nos escaparates das tendas. A das rebaixas é desde logo unha opción beneficiosa para os petos dos consumidores galegos, pero tamén de risco para os seus dereitos no que a calidade da mercancía, información de prezos e aplicación de normas se refire.

É por iso que desde a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) queremos apuntar unha pequena lista de tips a ter en conta para aproveitar a rebaixas de xeito seguro:

  • Importante: os teus dereitos como consumidor en rebaixas son exactamente os mesmos que o resto do ano.
  • Saldos e rebaixas non son o mesmo. Falamos de rebaixas cando se comercializan os produtos no mesmo establecemento a un prezo inferior nun período concreto, normalmente ao final de cada tempada. Os saldos son aqueles que se venden máis baratos por razón de presentar desperfectos, estar en desuso ou por obsoletos.
  • En rebaixas tamén podes pagar con cartón de crédito ou débito. O comerciante non te pode negar esta opción, se a dá o resto do ano, nin polo tanto obrigarte a pagar en efectivo os produtos que merques no seu establecemento.
  • Tes dereito á devolución dos produtos que adquiras no período de rebaixas, exactamente igual que durante o resto do ano.
  • No caso de devolución dun produto, é o empresario quen decide se che devolve os cartos ou che entrega un vale. Infórmate ben da política de devolución do comercio antes de realizar unha compra: evitarás sorpresas no futuro.
  • Se che entregan un vale tras unha devolución lembra que non caduca, porque representa cartos e os cartos, por suposto, tampouco caducan.
  • Se compras aparellos domésticos ou electrónica durante a tempada de rebaixas, tes dous anos de garantía.
  • O comerciante ten que diferenciar claramente os productos que teñen rebaixa e os que non, e nas etiquetas e sinalizacións marcar cal era o prezo orixinal

Planificar ben as prioridades, calcular o orzamento e axustarse a el e realizar as compras dun xeito racional e atendendo ás necesidades reais son valiosos consellos que nos axudarán a facer das rebaixas unha oportunidade ben aproveitada e con cabeza, sen caer no consumo compulsivo e sen encher a casa de produtos que xamais serán usados.

Deixa unha resposta