Que é o TTIP e como nos pode afectar

10/08/2015

Se visitamos a web da Comisión Europea atoparemos a seguinte información sobre o TTIP (Acuerdo Transatlántico para el Comercio y la Inversión):

El TTIP tiene como objetivo eliminar las barreras comerciales entre los Estados Unidos y la Unión Europea (suprimir aranceles, normativa innecesaria, restricciones a la inversión, etc.) y simplificar la compraventa de bienes y servicios entre estos dos espacios. Eliminar esas barreras supondrá crecimiento económico, creación de empleos y una disminución de los precios.

Añaden que este tratado suporía un beneficio de 119.000 millóns de euros ao ano para a economía europea e de 95.000 millóns de dólares para a estadounidense. En España, o acordo crearía 143.000 novos postos de traballo e produciría un incremento do 6,5% no PIB.

Para poder acadar os beneficios teóricos do TTIP, as institucións europeas terían que cumprir unha serie de esixencias como por exemplo a eliminación ou redución das barreiras convencionais ao comercio en bens, tales como impostos e aranceis, ou o reforzo da compatibilidade das regulacións e os estándares. O tratado establece a harmonización das regulacións que afecten ás multinacionais, é dicir, igualar as lexislacións de cada estado membro para facilitar que as grandes empresas fagan negocio. Isto supón un perigo real para a nosa lexislación en temas tan sensíbeis como seguridade alimentaria, medio ambiente e traballo. Esta harmonización repercutirá nos controis de calidade, nas normativas sanitarias, no etiquetado, nos dereitos sociais, na seguridade dos vehículos, nos produtos farmacéuticos, na maquinaria médica… A eliminación das barreiras comerciais para crear un macromercado só beneficiará ás grandes empresas pois o novo xigante comercial, formado polos Estados Unidos e a Unión Europea, suma o 60% do PIB mundial, acolle a 800 millóns de consumidores e move un terzo do comercio internacional de bens e servizos.

Vaiamos por partes.

Que é o TTIP?

O TTIP é o Acordo Transatlántico para o Comercio e a Inversión. A súa orixe remóntase a 1990 cando o entón presidente George Bush; o primeiro ministro italiano, Giulio Andreotti, e o presidente da Comisión Europea, Jacques Delors, firmaron a Declaración Transatlántica. No ano 2007, Barroso, Merkel e outro Bush, crearon o Consejo Económico Transatlántico, entidade que persegue a harmonización lexislativa. O 13 de febreiro de 2013, Obama (Presidente dos Estados Unidos), Van Rompuy (Presidente do Consejo Europeo) e Barroso (Presidente da Comisión Europea) anuncian o comezo das negociacións para chegar a un acordo. Dous anos e 10 rondas de negociación máis tarde todavía non hai nada pechado nin firmado, iso din os negociadores e responsables da Comisión pero realmente non sabemos en que punto exacto se atopan.

Quen está negociando do TTIP?

  • Por Europa: A Comisión Europea a través do equipo da comisaria de Comercio Internacional, a sueca Cecilia Malmström.
  • Por Estados Unidos: A Oficina do Representante de Comercio

Unha vez rematadas as negociacións, a Comisión Europea deberá presentar o acordo ao Consello da Unión, que terá que aprobalo por maioría cualificada, é dicir, por un 55% dos Estados que representen ao 65% da poboación. O seguinte paso será sometelo a aprobación no Parlamento Europeo e logo terá que ser ratificado polos Parlamentos nacionais.

Os cidadáns estamos excluídos do proceso porque non hai previsión de someter a aprobación do TTIP a un referéndum.

O proceso de negociación do TTIP segue adiante aínda que as probabilidades de que remate nesta lexislatura – que vence no 2019- son escasas.

Efectos da aprobación do TTIP sobre a poboación 

– Recortes en dereitos laborais. Nos Estados Unidos os convenios da Organización Internacional do Traballo non están recoñecidos.

– A sanidade, a educación, a auga… a privatización dos servizos públicos será máis sinxela.

– As grandes empresas terán máis privilexios. Sabías que se o rendemento na UE non é o esperado terán a capacidade de demandar aos Estados esixindo indemnizacións (supoñemos que millonarias) que sairán do diñeiro público? Un exemplo, Uruguai ten que pagarlle uns 2000 millóns de dólares a tabaqueira Philip Morris polos danos ocasionados pola obrigatoriedade de poñer nos paquetes de tabaco mensaxes contra o tabaquismo. Philip Morris ten a súa matriz en Lausanne (Suíza), debido a isto puido demandar a Uruguai xa que en 1988 o país latinoamericano firmou un acordo de inversión con Suíza e prexudicar a imaxe da tabaqueira supón unha violación das cláusulas do acordo.

– Alimentos e medicamentos verán cambiados os parámetros dos controis actuais. Isto significa que no mercado poderíamos atopar alimentos con transxénicos, cloro (polo clorado estadounidense), etc.

– O fracking, a técnica de extracción de gas, podería implantarse con grande facilidade no territorio.

– A protección de datos. O xerente de políticas da plataforma de Dereitos Dixitais Europeos (EDRi), comentou nunha entrevista que “o TTIP non é só un tratado relativo ao comercio, é un supertratado onde hai capítulos nos que se pon en tela de xuízo a protección de datos persoais, a vixilancia dos cidadáns, están a discutir sobre temas relacionados co cifrado de información para asegurar a privacidade nas comunicacións e incluso hai un capítulo sobre os dereitos de propiedade intelectual”. Así que os nosos dereitos dixitais tamén están sobre a mesa de negociación, hai que ter en conta que o mercado de datos da UE daría acceso á información de máis de 500 millóns de persoas. Nos Estados Unidos, o concepto de privacidade e a protección de datos persoais trátanse como un dereito do consumidor regulado pola Consumer Privacy Bill of Right pero en Europa, esa información persoal e a súa protección, enténdese como un dereito fundamental recollido no artigo 8 da Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea. Hai un conflito claro á hora de harmonizar a lexislación neste punto, queremos que a nosa información persoal se trate como unha mercadoría? Sería preferíbel que non.

O problema co ISDS

O Mecanismo de Resolución de Disputas entre Inversores e Estados, o ISDS, implica que un tribunal será o encargado de mediar na resolución de conflitos. Este mecanismo atenta contra a soberanía dos estados asinantes do acordo xa que, como no caso de Uruguai antes comentado, poden verse obrigados a pagar enormes cantidades de diñeiro ás grandes empresas. Esta é unha das partes máis controvertidas do TTIP porque se unha corporación ou empresa considera que unha lei nacional, autonómica ou local confronta os seus intereses comerciais (obtención de beneficios) poderá demandar a ese Estado. O tribunal que se forme estará composto por tres árbitros que decidirán se o Estado ten que indemnizar con cartos públicos á empresa.

Os argumentos máis críticos contra o tratado recordan que o acordo de libre comercio entre Estados Unidos, Canadá e México (NAFTA) firmado en 1994 provocou a desaparición de 700.000 empregos só nos Estados Unidos. Os precedentes demostran que este tipo de tratados de libre comercio so benefician a unha parte da poboación. Segundo un estudio da Universidade de Massachusetts, o TTIP suporá a perda de máis de 600 millóns de postos de traballo en Europa, reducirá os salarios –estiman que cada traballador perdería uns 5000 euros ao ano- e fará medrar a precariedade no conxunto da UE. O estudio realizado por Jeronim Capaldo afirma que o TTIP  non só atenta contra os dereitos laborais, a protección do medio ambiente, a agricultura sustentábel e a democracia; tamén atenta contra o emprego e o crecemento económico e social de Europa.

Un dos puntos que máis nos inqueda é que a Comisión Europea leve a cabo a negociación en segredo e entre grandes medidas de seguridade. Non teríamos os cidadáns dereito a coñecer que sucede nesas negociacións? Non podemos opinar sobre os aspectos máis controvertidos do TTIP?

Deixa unha resposta