UCGAL e ABANCA asinan un convenio de colaboración dirixido a mellorar a educación financeira e tecnolóxica das persoas usuarias

12/07/2022

O Director Xeral de Goberno Corporativo e Asuntos Legais de ABANCA José Eduardo Álvarez-Naveiro Sánchez e o Secretario Xeral de Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López Crespo asinaron en Santiago de Compostela un convenio de colaboración dirixido a mellorar a educación financeira e tecnolóxica das persoas usuarias.

IMG_4411

Coa sinatura deste convenio, ambas as entidades pretenden favorecer  e mellorar o acceso das persoas usuarias aos servizos financeiros e para isto, deseñarán conxuntamente programas de educación, información e formación dirixidos de forma especial a colectivos vulnerables, como persoas maiores ou con discapacidade. Os principais obxectivos aos que se dirixe este convenio son evitar situacións de exclusión financeira da cidadanía, así como situacións de risco na utilización dos diferentes recursos tecnolóxicos postos ao dispor das persoas usuarias por parte da entidade financeira.

Entre as actuacións previstas a desenvolver destacan as actuacións formativas nas que se abordarán o uso seguro de caixeiros automáticos e aplicacións de banca móbil e banca electrónica, se ben o convenio asinado establece a posibilidade de desenvolver actuacións informativas sobre o réxime de dereitos e obrigas das entidades financeiras e das persoas usuarias, o deseño de campañas de sensibilización,  así como avanzar na mutua colaboración entre ambas as dúas entidades.

IMG_4428

O Secretario da Unión de Consumidores de Galicia, considera que nun contexto como o actual no que a dixitalización das relacións de consumo avanza de forma imparable, cómpre afondar na formación das persoas usuarias de xeito que poidan desfrutar das vantaxes que brinda  a tecnoloxía máis sempre de forma segura. Por este motivo, valora moi positivamente o que para el constitúe un fito na colaboración entre unha organización de consumidores e unha entidade financeira e aspira a que esta non sexa senón a primeira actuación dunha colaboración más estreita e ambiciosa.

IMG_4426

Pola súa banda, o director xeral de asuntos legais de ABANCA considera que “esta colaboración é moi positiva porque para ABANCA é importante elaborar propostas atractivas que nos permitan chegar aos diferentes colectivos sociais con educación financeira que axuden a mellorar a súa formación nun aspecto clave para o futuro das persoas e das familias”.

IMG_4440

Deixa unha resposta