UCGAL pon en marcha un grupo de traballo para valorizar os produtos amparados baixo as DOP e as IXP

30/01/2019
  • Representantes das DOP e as IXP compartiron as súas problemáticas cos representantes do consumidores

Reunión DOP e IXP A Unión de Consumidores de Galicia vén de poñer en marcha un grupo de traballo que buscará tanto valorizar os produtos galegos amparados baixo as DOP e as IXP como achegar información para a súa correcta identificación por parte das persoas consumidoras.

O Secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López, reuniuse hoxe con representantes de varias DOP e IXP galegas para dar forma a un grupo de traballo que desenvolva liñas de actuación conxuntas ao fin de establecer unha coordinación entre os produtores e os destinatarios finais do produto que favoreza os intereses de ámbalas dúas partes.

A esta primeira xuntanza celebrada esta mañá no Consello Económico e Social (CES) de Santiago de Compostela asistiron responsables de diferentes DOP e IXP da nosa comunidade autónoma: o Secretario do Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia, Alfonso Alcaide; a Secretaria do Consello Regulador da IXP Mel de Galicia, María de Diego Roldán; a Secretaria do Consello Regulador da DOP Queixo Tetilla, Mari Sé Mosteiro Zapata; o Secretario Xerente do Consello Regulador da DOP Arzúa-Ulloa, Óscar Pérez Ramil; o Presidente do Consello Regulador da DOP Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara; o Presidente e a Secretaria do Consello Regulador da IX Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, José Antonio Feijoo Mateo e Carmen Otero; o Vicepresidente do Consello Regulador da DOP Pemento de Herbón, Jose Manuel Ferro Lago; o Presidente da IXP Faba de Lourenzá, José Cuadrado Oural; o Presidente de AFAPAN (Asociación de Fabricantes de Pan da Provincia de Lugo), César Fieiras; representantes da APROINPPA (Asociación Provincial de Panadería e Pastelaría da Provincia de Pontevedra), José García e Pablo Cendón; e o vicepresidente de Fegapan (Federación Galega de Asociacións de Fabricantes de Pan), Marcial Grela. A xuntanza foi inaugurada pola Presidenta do CES, Corina Porro.

Esta sesión serviu para intercambiar impresións arredor das problemáticas actuais que afrontan os produtos amparados baixo as DOP e as IXP. Neste sentido, UCGAL trasladoulles aos presentes a súa inquedanza ante o feito de que a comercialización de determinados produtos estase a realizar de modo que atenta contra os dereitos das persoas consumidoras e, por extensión, contra os intereses de produtores que manteñen un modelo produtivo no que a calidade e as características do produto son aspectos fundamentais.

Reunión DOP e IXP 2

Moitos dos produtores galegos de produtos de calidade diferenciada comparten as mesmas problemáticas relacionadas coa competencia desleal, as falsificacións da etiquetaxe, a loita contra a fraude alimentaria, a escasa implicación das persoas consumidoras na defensa do produto de materia prima galega e as dificultades á hora de concienciar dos perigos dos ‘produtos da casa’ que non pasan por ningún tipo de control sanitario. Neste sentido todos recalcaron a importancia de achegar aos consumidores produtos seguros e saudables, e de loitar a prol dos intereses dos produtores das DOP e IXP galegas.

O grupo de traballo estará aberto a todas aqueloutras entidades que propoñan as xa integrantes e tamén a aquelas que soliciten a súa participación.

Deixa unha resposta