A xornada ‘A cesta da compra a exame’ congregou a máis de 80 persoas en Santiago

26/06/2019
  • Durante o encontro COGAMA e UCGAL asinaron un convenio marco de colaboración

Mesa redondaA xornada A cesta da compra a exame, organizada pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) e na que colaboraban Gadisa e Vegalsa-Eroski, congregou a máis de 80 persoas esta mañá na Cidade da Cultura. O evento, que se articulaba en base ao estudo Hábitos de Alimentación presentado pola UCGAL a principios de ano, foi inaugurado pola directora xeral de Comercio e Consumo, Sol María Vázquez Abeal, que destacou que “estas actividades resultan de utilidade para coñecer o sentir das persoas consumidoras galegas sobre temas tan importantes como a conformación da cesta da compra”.

A xornada articulouse ao redor de tres parámetros que inflúen na configuración da cesta da compra: formatos e estratexias dos puntos de venda, capacidade económica das persoas consumidoras e consumo de produtos de valor engadido; o que deu lugar a tres mesas redondas que foron moderadas por membros da Unión de Consumidores de Galicia.

Na primeira mesa participaron o director de marketing de Vegalsa-Eroski, Julián Hernández; a xerente do Mercado de Abastos de Santiago, Marta Rey; e o director técnico da unidade de psicoloxía do consumidor e usuario e profesor da USC, Antonio Rial; e nela analizáronse os formatos e as estratexias que aplican os puntos de venda nos que adoitan mercar os galegos e as galegas.

Mesa redonda 1

A segunda mesa, conformada polo subdirector de produción estatística do Instituto Galego de Estatística, Manuel Mateo Díaz; o Director de EAPN – Galicia, Xosé Cuns; o director de relacións institucionais Carrefour Galicia, Francisco Couso; e a especialista de análises clínicas no CHUS e coordinadora do estudo Galiat (Galicia Atlantic Diet), Mar Calvo; abordou a capacidade económica das persoas consumidoras e como o factor económico pode determinar unha ou outra opción de compra.

Finalmente, o presidente do Consello Regulador da DOP Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara; a responsable de comunicación e promoción do CRAEGA, Elva Otero; a delegada en Ourense da Asociación de Celíacos de Galicia, Gloria Bernández Beltrán; e a representante do departamento de marketing de Gadisa, Melisa Pagliaro; aportaron a súa visión sobre a evolución do consumo de produtos de valor engadido na última mesa redonda.

Mesa redonda 3

A licenciada en farmacia e graduada en nutrición, Marisol Filgueiras foi a encargada de pechar a xornada cunha intervención na que trasladou aos presentes consellos para facer que a cesta da compra sexa o máis saudable posible. Entre outras cuestións estableceu en que debe basearse unha dieta equilibrada, como evitar os alimentos ultraprocesados e como mudar de hábitos de consumo.

Conversa coa directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica

Conversa coa directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica

O encontro tamén acolleu unha conversa coa directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez Moreda, centrada no datos de consumo de peixe na nosa comunidade autónoma desde un contexto amplo de frecuencia xeral ata o detalle de consumo por tramos de idade.

Rodríguez Moreda aproveitou este espazo para facer un exhaustivo repaso das actuacións desenvolvidas pola Xunta de Galicia para incentivar o consumo de produtos procedentes do mar e da acuicultura entre a poboación galega.

Durante a súa intervención tamén valorou a contribución do sector retallista para mellorar as cifras de consumo e considerou que o papel da distribución na posta en valor dos produtos do mar mudou nos últimos anos adaptándose ás necesidades e preferencias dos consumidores.

Sinatura de convenio entre UCGAL e COGAMA

Sinatura Convenio

Durante a xornada, a UCGAL e a Confederación Galega de Organizacións de Maiores (COGAMA) subscribiron un convenio de colaboración que será a base dun diálogo permanente entre ámbalas partes e axudará desenvolver programas de comunicación e actuacións conxuntas que redunden na mellora da posición da cidadanía en xeral e dos membros das entidades integradas en COGAMA, en particular.

A sinatura correu a cargo do presidente de COGAMA, José Piñeiro, e do secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López Crespo.

Deixa unha resposta