Consellos para un #NadalResponsable

17/12/2015

As previsións auguran que este Nadal imos gastar máis que o ano pasado aínda que a crise segue estando moi presente en moitos fogares do país. Esta asociación entende que ese dato non é o máis relevante xa que cada familia é diferente; son eles os que mellor coñecen o presuposto co que contan e saben cales son os gastos que poden asumir nestas datas. Desde UCGAL non prestamos moito crédito as estimacións de gasto que se barallan nestas datas pois a realidade é que cada familia é distinta. Esta organización opina que se para algo serviu esta crise foi para xerar tendencias de compra que se van manter a longo prazo como a planificación das compras e o facer listas, un hábito que nos axuda a evitar a compra compulsiva. 

De cara as festas de Nadal, preparamos unha pequena lista de recomendacións. Evidentemente, é complicado non caer na espiral consumista asociada a estas datas pero procuremos, na medida do posible, ser previsores. 

  • Fixemos un presuposto para non ter que afrontar unha costa de xaneiro máis longa e empinada do que debería ser.
  • Fagamos unha lista de necesidades de compra e compremos unicamente o imprescindible. As listas evitan as compras impulsivas e debemos intentar ceñirnos a elas.  
  • Unha boa estratexia é establecer un gasto máximo e non sobrepasalo. Se establecemos orzamentos por partidas será máis sinxelo organizarnos. Se gastemos máis do previsto nunha partida debemos intentar reducir noutra para compensar. O Nadal é unha época na que se xeran agresivas estratexias comercias para impulsarnos a consumi produtos que non necesitamos, e que disparan o gasto nos fogares do país. Intentemos que as nosas compras respondan a necesidades reais.
  • Comparemos prezos nos diferentes establecementos escollendo a mellor relación calidade prezo.
  • Escalonemos as compras para dispoñer de tempo para facelas con calma e comodidade. Por exemplo, compremos os alimentos con tempo, serán máis económicos. Os produtos máis típicos do Nadal poden sufrir importantes subidas de prezo nos últimos días.
  • Recorda que, nestas datas, os teus dereitos como consumidor son os mesmos durante todo o ano. Nas nosas compras, esixamos e conservemos sempre o tícket ou factura de compra. Aconsellamos priorizar aqueles establecementos adheridos ó Sistema Arbitral de Consumo, xa que se temos que reclamar o conflito resolverase de forma rápida, amistosa e gratuíta.
  • E importante asegurarse da política de devolucións do establecemento antes de comprar o produto.
  • Compremos xoguetes axeitados para a idade dos máis pequenos e que sexan educativos, que axuden a fomentar a creatividade e a participación activa dos pequenos da casa. Asegurarnos de que o xoguete teña a marca de seguridade da CE e de que non conteña pezas pequenas, de excesiva dureza, con bordos ou arestas cortantes. Tamén aproveitemos estes xoguetes para educar en igualdade xa que non existen xoguetes de nenos nin de nenas. Tentemos non educar os nenos nun consumismo extremo porque se os enchemos de regalos e xoguetes é moi posíbel que non aprecien o que teñen e que en poucas horas abúrranse da novidade.  Unha boa idea é regalar experiencias e non xoguetes.
  • O pago con tarxetas de crédito fai que o gasto se dispare porque non somos tan conscientes do que estamos pagando. Tendemos a financiar as compras e iso repercute na economía familiar durante o resto de ano pois temos cargos máis significativos dos que, en principio, tíñamos previsto. Sempre é mellor pagar en efectivo para ter máis claro canto levamos gastado. 
  • Se facemos as compras a través  de Internet as persoas consumidoras debemos tomar unha serie de precaucións: (1) Fixarse no sitio web, debemos ter claro que sexa un servidor seguro, que os datos de contacto da empresa aparezan na páxina – por se fose necesario interpoñer unha reclamación- e ler con calma as condicións de compra. (2) Usar medios de pago seguros, coma o pago contrareembolso. (3) Ter claro as condicións de devolución ou desistimento fixadas pola empresa. (4) Conservar toda a documentación relacionada cá compra realizada (xustificantes, emails).
  •  Se asistimos a festas organizadas comprobemos que teñen a correspondente autorización.
  • Fagamos un consumo responsable, adecuado as nosas necesidades e respectuoso coa contorna e o medio ambiente. Procuremos reducir ó máximo as embalaxes dos regalos e das compras. Reciclemos no contenedor axeitado.

Recentemente, a presidenta da UCGAL, Ana Olveira, visitou o plató de V Televisión para  facer recomendacións de cara a un consumo responsable no Nadal. Aquí vos deixamos a súa intervención repleta de bos consellos para un #NadalResponsable.

Deixa unha resposta