Consumidor responsable: guía rápida

17/12/2013

Consumidor responsable ou ‘consumista’ sen remedio? O punto diferenciador entre o un e o outro está nas nosas mans. Non é difícil deixarse levar pola voráxine das compras de Nadal: luces, publicidade, escaparates… unha morea de factores chaman non só a gastar, senón a facelo de forma descontrolada e compulsiva. Como evitalo?

Favorecer o comercio local, o das tendas da túa contorna fronte ás grandes superficies, é un dos primeiros pasos do consumidor responsable. Non só supón un incentivo para os pequenos negocios de sempre, dos máis devorados pola actual situación de crise, senón tamén para o contacto directo co vendedor, a amigable conversa con el, quen ademais che pode asesorar e mesmo atopar obxectos máis orixinais. Analiza ben o que mercas, comproba que cumpre coa legalidade no que a medidas de seguridade se refire, especialmente cando se trata de xoguetes, e decide de antemán se realmente precisas ese produto ou se, polo contrario, vai ser un obxecto máis amoreado e sen uso na túa casa.

O consumidor responsable é, necesariamente, un consumidor informado non só da composición e fabricación dos obxectos que merca, senón, e especialmente, dos seus dereitos e máis das súas obrigas. Tanto en período de Nadal como nas posteriores rebaixas e o resto do ano, cómpre ter os ollos ben abertos para detectar calquera vulneración dos nosos dereitos como consumidores e trasladala a asociacións como UCGAL e organismos competentes, que velamos polo seu cumprimento.

Deixa unha resposta