Ola! Empregamos cookies propias e de terceiros para analizar o uso desta web e mellorar a túa experiencia de navegación. Ao continuar navegando entendemos que aceptas a nosa política de cookies.

   Saber máis - Aceptar.
Estudo sobre os animais de compañía

Hábitos de alimentación 2019

Coñecer os comportamentos das persoas consumidoras, os seus hábitos de compra, preferencias e as súas variacións son elementos moi importantes no traballo diario de entidades como Unión de Consumidores de Galicia; de feito non son poucas as veces nas que medios de comunicación e profesionais de distintos eidos contactan con esta organización para solicitar información sobre algúns deses aspectos.

Xa hai anos que Unión de Consumidores de Galicia considerou importante contar coas súas propias fontes de información relativas a aspectos ligados ao consumo e ás persoas consumidoras, ás veces porque a información dispoñible ao público non resolvía as necesidades da organización e outras porque os datos non estaban o suficientemente desglosados a nivel territorial. Con independencia do aspecto que pretendamos analizar, unha máxima preside a realización dos nosos estudos, o feito de contar cunha mostra o suficientemente ampla que nos permita obter uns resultados fiables. Así, neste estudo que agora vos presentamos, contamos coa participación de 1.142 persoas cuxas respostas foron distribuídas atendendo ao reparto poboacional das catro provincias galegas e aos segmentos de idade que conforman a nosa poboación.

Dous son os aspectos nos que Unión de Consumidores de Galicia tiña especial interese en afondar. Un deles era o concernente ao gasto en alimentación das persoas consumidoras galegas. Neste punto recentes publicacións ás que puidemos ter acceso non reflectían datos a nivel de Galicia ademais do feito de que estes eran pouco concretos ou se expresaban en rangos excesivamente amplos. Como se traduciu a crise económica no gasto en alimentación dos fogares galegos? Variaron os seus hábitos de compra como consecuencia desta?

Se os aspectos económicos son importantes, non menos o son aqueles relacionados cos hábitos alimenticios e a súa aproximación aos estándares dunha alimentación sa e equilibrada. Por isto tamén afondamos na frecuencia coa que as galegas e galegos consumen diversos grupos de alimentos.

Por último, analizamos os hábitos de consumo en relación coa compra de determinado tipo de produtos, ben polo seu valor engadido (DOPs ou IXPs, para intolerantes, veganos, etc), ben por seren a aposta de distintos establecementos de alimentación e unha boa forma de acadar maior eficiencia na nosa compra e unha maior calidade (produto fresco, local ou de tempada).

Agradecemos a colaboración de todas as persoas e entidades que nos axudaron na realización deste estudo e en especial a Gadisa e Vegalsa-Eroski.

CONCLUSIÓNS

  • O 36% dos galegos adica entre 200 e 350 euros mensuais a alimentación e algo máis do 25% entre 100 e 200 euros.
  • En comparación con antes da crise, reducíuse en máis dun 26% o número de fogares que adica máis de 500 euros ao mes a gastos en alimentación.
  • O gasto en alimentación reducíuse de media, 19 euros ao mes desde antes da crise económica.
  • Galegos e galegas apostan polos supermercados, pero medran as compras en mercados e prazas e no pequeno comercio.
  • Consolídase o aumento na frecuencia de compra.
  • A calidade e a dispoñibilidade de produto fresco son os principais aspectos que determinan a opción de compra das galegas e galegos.
  • O consumo de carnes roxas supera amplamente as recomendacións para unha alimentación sa.
  • O consumo de verduras e froitas non acada as recomendacións sobre frecuencia de consumo.
  • Boas cifras no consumo semanal de peixe e produtos lácteos.
  • Maior atención ás ofertas á hora de facer a compra.
  • Maior concienciación contra o desperdicio alimentario entre galegas e galegos.
  • O consumo de produto fresco aumentou un 17% nos últimos tres anos. O consumo de produto local e de tempada aumentou respectivamente un 28% e un 31% no mesmo periodo.
  • Aumenta o consumo de produtos de valor engadido (como os certificados por DOPs e IXPs ou os destinados a persoas con intolerancias ou vegáns) e ecolóxicos.
  • Redúcese o consumo de produtos preparados.

 

Podes acceder ao estudo completo AQUÍ