Ignacio Arranz: “Non entendemos unha cadea agroalimentaria Carpe Diem, comamos e bebamos que mañán todos morreremos. Ten que durar”

11/12/2013

Arranz, izquierda, con Miguel López, secretario xeral de UCGAL

Nun momento de crise como o actual, estamos dispostos a sacrificar a calidade da cesta da compra en pro dun prezo máis baixo? A resposta é clara: non. O consumidor demanda, e así debe facelo, produtos de confianza, a bo prezo e, ademais, que garantan a sostibilidade da cadea alimentaria para garantir a supervivencia tanto do produtor primario a curto prazo como da cadea de alimentación nun futuro. É posible? En opinión de José Ignacio Arranz, presidente do Foro Interalimentario, efectivamente o é sempre que todas as partes do proceso se comprometan con iso. Así o asegurou no marco da xornada Alimentación: Información e Comunicación, que celebramos no hotel NH Obradoiro de Santiago o día 13 de novembro.

Na sociedade actual, unha cadea alimentaria sostible parece, a ollos do consumidor, un concepto difícil de casar nun mercado dominado por multinacionais. Como se compaxina?

Falamos de sostibilidade ambiental, económica e social. Estamos en crise económica. A xente sabe que hoxe pode comprar un produto, pero non sabe se o mes que vén o poderá comprar, ben porque a súa economía se prexudicou, ou ben porque a economía de quen fabrica ese produto se prexudicou e se caeu. A pregunta é como no mundo da fabricación de alimentos temos que buscar e asegurar unha sostibilidade. Que os axentes da cadea alimentaria dende o campo ata a mesa dalgún xeito poidan exercer esa actividade que resulta de capital importancia para o consumidor porque falamos de alimentación. E facelo nunhas coordenadas concretas de forma que un consumidor en crise poida ter acceso a un produto coa seguridade alimentaria máis alta e dunha calidade alta, pero que o poida pagar. Que non sexa un accidente senón unha realidade que se perpetúe no tempo, esa é a sostibilidade que defendemos. Nese xogo pode entrar unha empresa dun arraigamento territorial ou pode entrar unha empresa cunha vocación máis globalizada.

Ou sexa que se trata dunha filosofía global, que implica a todos, grandes e pequenos?

É unha filosofía que se basea fundamentalmente en tres eixes: o primeiro é poñer a seguridade alimentaria e calidade por enriba de calquera cousa. O segundo é considerar a cadea alimentaria como un todo. Estamos moi afeitos a tratar como entes absolutamente separados a produción agrícola ou gandeira, as industrias transformadoras e a distribución. E a realidade é que ese cortar en anacos é artificial. Pensamos que a sostibilidade se basea nunha relación estable a longo prazo deses tres elos coa máis absoluta transparencia e nun determinado axuste á hora de traballar en termos de eficiencia no sentido de eliminar todo aquilo que non ten valor, o que permite que eses tres elos reciban unha retribución xusta. Viven hoxe e viven mañá. Non entendemos unha cadea agroalimentaria Carpe Diem, comamos e bebamos que mañá todos morreremos; senón que isto ten que durar porque o consumidor vai seguir tendo unha demanda. E o noso terceiro elemento de cohesión, que podería ser o primeiro, é precisamente que os axentes da cadea agroalimentaria teñen que ter moi claro que o consumidor é o dono das súas vidas, empresarialmente falando. Todo o que fagan teñen que facelo pensando en que hai un consumidor que pode decidir comprar ou non comprar un produto, para o cal hai que asegurarlle que o produto é dunha probada inocuidade e de boa calidade, mesmo en situación de crise económica. E, garantida a seguridade e a calidade, que o poida comprar. Moitas veces dise que se traballa para o consumidor pero esquécese o consumidor. E créanselle necesidades artificiais en vez de tomarlle o pulso á sociedade para saber que é o que de verdade está a necesitar. E que todo o que estea na cadea engada un valor. O típico intermediario que non se sabe que fai, o intermediario comisionista, non cabe, porque eu teño que axustar ao céntimo o produto que vostede quere comprar. Se eu penso antes en min antes que no consumidor, estou a apostar pola miña sostibilidade. Pegarei un pelotazo un determinado tempo, pero chegará un momento no que o consumidor me virará as costas e eu afundirei.

É o consumidor realmente consciente da necesidade de traballar baixo esa filosofía? Está concienciado coa sostibilidade da cadea alimentaria?

Precisamente, o Foro Interalimentario naceu para informar e formar o consumidor. O consumidor hoxe preocúpase pola seguridade alimentaria, pola nutrición, polo medio, polo benestar animal… preocúpalle como funciona a cadea, que pasa co prezo de orixe e co final, queren saber se lle están a roubar, para falar claro. Cando o consumidor empeza a descubrir que a seguridade e calidade do seu produto, a eficiencia da cadea para que teña mellor prezo, pode empezar dende o principio, dende a produción primaria, o consumidor di ‘estamos a facer unha cousa boa’ e trae consigo que se afiance a produción local, evitando a situación dramática dunha familia ou cooperativa que teña que abandonar a súa actividade e marchar a unha das grandes capitais a traballar no sector servizos. Dáslle unha inxección ao sector primario porque o incorporas a unha cadea completa.

Mercadona anunciaba recentemente a súa reorientación na venda de frescos impulsando o produto local fronte ao envasado… é exemplo da filosofía que expón?

Tras tomarlle o pulso ao consumidor, vemos o que necesita e ofrecémoslle o que teña mellor relación calidade-prezo. Quere ter acceso ao produto local sen ter que compralo a prezo dedelicatesen. O consumidor necesita un produto seguro, de boa calidade e un prezo accesible. Se se consegue grazas a unha cadea agroalimentaria sostible, con produtos que estean preto, mellor. E hai algo que está claro: o transporte encarece. Se temos un produto a 40 km., por que o vou ter que traer dende 400? Hai que ofrecerlle un horizonte de garantía e estabilidade ao produtor que teño preto, que poida entrar na mentalidade empresarial e traballar comigo. E unha política de transparencia e petos de cristal. Que cada un reciba o beneficio en función do seu risco e dunha forma equitativa.

Deixa unha resposta