Plan Obesidade Infantil

Como firmes defensores dunha educación en bos hábitos de consumo, unha parte importante do noso traballo radica na posta en marcha de iniciativas e accións que fomente un espírito responsable no consumidor e, ao mesmo tempo, poñan ao alcance deste as ferramentas necesarias que garantan unha práctica acorde con ese espírito.

UCGAL da un novo paso plasmando sobre o papel o seu compromiso co fomento dun estilo de vida saudable desde a infancia coa sinatura dun convenio marco de colaboración para o fomento dunha alimentación saudable na nosa comunidade autónoma. O pasado mércores, 18 de maio, o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López Crespo; o conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez Almuiña; e o director xeral do Foro Interalimentario, Víctor Yuste Jordán, asinaron un convenio que compromete ás partes a fomentar ás iniciativas dirixidas a garantir a capacidade das persoas consumidoras de adoptar decisións saudables.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), Miguel López Crespo e o director xeral da sociedade Foro Interalimentario, Víctor Yuste, asinando o convenio

O acordo establece o desenvolvemento de programas divulgativos e de formación para mellorar o coñecemento dos hábitos de consumo dunha alimentación saudable adaptados aos diferentes grupos poboacionais. Tamén se promoverán accións orientadas a que o consumidor dispoña de produtos saudables coa máxima calidade e seguridade de acordo aos estándares e recomendacións nacionais e internacionais.

O texto recolle así mesmo a realización de campañas informativas de promoción de estilos de vida saudables dirixidas aos diferentes grupos de idade e o apoio á adopción de políticas favorables á redución do contido en sal, azucres e graxas saturadas e á eliminación de graxas trans en produtos alimenticios, alentando a súa reformulación cara a perfís nutricionais saudables. 

Ademais, fomentaranse iniciativas dirixidas a garantir a capacidade do consumidor para adoptar decisións saudables; accións de carácter preventivo e de sensibilización en colaboración con outras institucións, entidades e asociacións profesionais, como poden ser fabricantes ou hostalería; e, en xeral, as actividades que redunden na mellora da saúde da poboación e na adopción de estilos de vida saudables.

Este é o segundo acordo asinado por UCGAL, Sanidade e o Foro Interalimentario con estes obxectivos. Así, ao abeiro do primeiro editouse un conto de Os Bolechas sobre a alimentación saudable e a actividade física, dirixido a nenos de 5 a 7 anos e que foi distribuído en centros educativos, hospitais e bibliotecas públicas. Tamén, entre outras actividades, creouse unha páxina web con xogos educativos protagonizados por estes personaxes, organizouse o concurso Debuxa o teu almorzo e leváronse a cabo visitas educativas a varios mercados de abastos galegos con nenos celíacos.

Ademais, creouse unha aplicación para web e para teléfonos móbiles para interpretar correctamente as etiquetas nutricionais; desenvolveuse unha estratexia de comunicación a través das redes sociais; analizáronse os menús das escolas infantís; e realizáronse programas de radio sobre estes temas.