As Rebaixas a Exame

11/02/2015

Hoxe presentamos as conclusión dun estudo sobre as rebaixas en Galicia no que se conclúe que as rebaixas perden ano a ano o seu carácter tradicional de descontos en produtos da tempada para converterse nun reclamo que sobre todo as grandes empresas aproveitan para vender produtos que non se inclúen na oferta dos establecementos nos días previos ao inicio destas promocións.

O informe conclúe que os descontos realmente ofrecidos no comercio roldan o 35%, se incluímos establecementos on line. Pero se atendemos exclusivamente ao comercio a pé de rúa a porcentaxe media dos seus descontos non chega ao 29%. Os grandes grupos ofrecen, por termo medio, descontos do 32% fronte aos grandes descontos do 50% e do 70% que anuncian a bombo e prato. Pola súa banda o comercio tradicional ofrece descontos que non chegan ao 25% de media.

Unión de Consumidores de Galicia tamén sinala no seu informe que moitos dos produtos que días antes das rebaixas se ofrecían no establecemento se exclúen da promoción para dar entrada a produtos que, vulnerando a normativa, non formaban parte da oferta no mes anterior.

Para esta organización de consumidores non cabe dúbida de que poñer á venda en rebaixas de inverno artigos de verán é unha tomadura de pelo e incluír prendas de hai varias tempadas un engano, xa que deberían venderse como saldos.

Moi grave tamén para UCGAL é a falta de ética daqueles comerciantes que ofrecen en xaneiro e como nova colección produtos que xa vendían como ordinarios de tempada no mes de decembro

Por sectores, o gran comercio, tanto na rede como na rúa pon en rebaixas menos do 60% dos artigos de tempada, mentres que o pequeno comercio máis do 70%

Outros incumprimentos relacionados coas rebaixas apuntan á falta de indicación de datas (no comercio virtual) e ao feito de anunciar con carácter xeral esta fórmula de promoción de vendas cando a porcentaxe de produtos rebaixados no establecemento non chega ao 50%.
Grandes e pequenos acoden ás vendas con desconto para atraer á clientela, pero moitos incumpren a normativa en canto aos produtos obxecto de promoción ou a vixencia da mesma.

Unión de Consumidores de Galicia denuncia que se incumpre a normativa incluíndo nas rebaixas produtos que xa foron obxecto doutras promocións nos días previos e simultaneando rebaixas e vendas con desconto respecto dos mesmos artigos.

Vales, tíckets , tarxetas e cheques regalo

Unión de Consumidores de Galicia engade no seu estudo consideracións ao respecto destas fórmulas de pago ou de recoñecemento de débeda por parte das empresas e insiste en que vales e tarxetas regalo non poden ter data de caducidade.

 Estudo completo 

Deixa unha resposta