Nota aos Medios de comunicación sobre a situación na cidade de Lugo

27/06/2014

No día de hoxe Miguel López Crespo, Vicepresidente do Consello Galego de Consumidores e Usuarios e Secretario Xeral da Unión de Consumidores de Galicia vén de remitir ao Concello de Lugo e á Consellería de Sanidade un escrito onde se amosa a especial preocupación que tanto á organización que representa como ao órgano máximo de representación das persoas consumidoras e usuarias de Galicia teñen as repercusións que para a saúde pode ter a longa folga que afecta á empresa contratada para a prestación do servizo de recollida de lixo na cidade de Lugo.

Polo que manifestamos:

Que o dereito á saúde, principal dos dereitos que a Constitución Española recoñece ás persoas consumidoras, corre serio perigo de verse conculcado nun contexto no que toneladas de lixo e material orgánico se amorean nas rúas da cidade amurallada.

Que a xuízo destas entidades, os usuarios do municipio son vítimas do incumprimento do servizo que segundo a vixente lexislación corresponde prestar ao Concello de Lugo, un incumprimento do que poden derivarse serias consecuencias para a saúde e a seguridade das persoas e das que poderían ser responsables tanto as autoridades políticas municipais como aqueloutras que, coñecendo a gravidade da situación e tendo capacidade para actuar ante a pasividade daquelas, deixaran de actuar na procura dunha solución.

Que a inacción por parte do Concello de Lugo non pode desculparse pola falta de acordo entre a empresa concesionaria e os seus traballadores xa que a obrigada a prestar o servizo é a propia Administración. Ante o incumprimento do contrato de concesión administrativa, corresponde adoptar cantas medidas sexan precisas para cumprir coa obriga de atención ao conxunto da cidadanía e procurar o íntegro respecto ao seu dereito á saúde e á seguridade.

Que a xuízo destas entidades e segundo informan veciños da cidade, os servizos puntuais de recollida de lixo non están a ser suficientes en relación co potencial risco de alerta sanitaria e que ademais estas recollidas non se están a efectuar por igual en todos os barrios

Por todo isto solicitouse do concello de Lugo que adopte de inmediato as medidas tendentes á reinstaurar o servizo de recollida de lixo na cidade de Lugo e garanta o respecto aos dereitos que a Constitución e as leis confiren ás persoas usuarias.

Deixa unha resposta