Ola! Empregamos cookies propias e de terceiros para analizar o uso desta web e mellorar a túa experiencia de navegación. Ao continuar navegando entendemos que aceptas a nosa política de cookies.

   Saber máis - Aceptar.

UCGAL denuncia aos organizadores do Festival O Son do Camiño e á empresa que xestiona o sistema de pago dentro do recinto por prácticas abusivas e vulneración da normativa de protección de datos.

Por impedir o pago con efectivo dentro do recinto, impoñer un medio de pago concreto, así como o cobro abusivo por gastos de xestión na devolución de diñeiro non consumido. Ademais a organización denunciará os feitos ante a Fiscalía Superior de Galicia ao considerar que estas empresas poderían terse apropiado de milleiros de euros dos asistentes.

 

A Unión de Consumidores de Galicia ven de presentar denuncia ante o Instituto Galego de Consumo e da Competencia contra os organizadores do Festival O Son do Camiño por prácticas abusivas contra as persoas consumidoras e que se concretan no feito de impedir o pago con diñeiro en efectivo (regulado expresamente na normativa de consumo), cartóns bancarios e outros medios de pagamento.

Igualmente Unión de Consumidores de Galicia denuncia a imposición dun medio de pago en concreto non solicitado expresamente en moitos dos casos polas persoas usuarias, así como o cobro abusivo dun importe dun euro como comisión de devolución dos importes non consumidos.

Especialmente preocupante considera Unión de Consumidores de Galicia a práctica pola cal se impide acceder á devolución dos importes non consumidos cando a súa contía non supere os 1,50 €. A xuízo da organización de consumidores, esta práctica previamente deseñada pola empresa que xestiona o medio de pagamento e que conta coa colaboración imprescindible dos organizadores puidera ter a consideración de ilícito penal e por este motivo denunciará os feitos ante a Fiscalía Superior de Galicia. Para Unión de Consumidores de Galicia estes feitos poderían ir máis aló dun enriquecemento inxusto xa que considera que hai vontade previa e deliberada de non retornar todos os saldos iguais ou inferiores a 150 céntimos. Non resulta complicado facer cálculos respecto dun evento ao que segundo os medios de comunicación se rexistraron ate 130.000 accesos.

Ademais e dado que para poder recuperar os saldos non consumidos é obrigatorio facer un rexistro e facilitar datos persoais e bancarios (aquelas persoas que voluntariamente non fixeron un rexistro previo) a Unión de Consumidores de Galicia denunciará os feitos ante a axencia de protección de datos por considerar que se está a vulnerar entre outros o principio de proporcionalidade xa que do mesmo xeito que para cargar as pulseiras non é preciso que a empresa conte cos nosos datos, para a devolución tampouco debera ser preciso, podéndose artellar a devolución do saldo en efectivo ou co cartón bancario empregado antes de acceder ao evento.

Unión de Consumidores de Galicia considera necesario que se aborde decididamente polas autoridades competentes este tipo de prácticas que se están a xeneralizar en todo o territorio do Estado e que se suman a outras xa denunciadas como impedir acceso con comida e bebida ou non contar con puntos gratuítos de auga potable nos recintos.