Ola! Empregamos cookies propias e de terceiros para analizar o uso desta web e mellorar a túa experiencia de navegación. Ao continuar navegando entendemos que aceptas a nosa política de cookies.

   Saber máis - Aceptar.

_

UCGAL organiza unha xornada para abordar o Etiquetado Nutricional Frontal dos alimentos

_

RENFE nega o dereito a viaxar a colectivos de consumidores vulnerables

Impedindo a formalización de viaxes a usuarios que dispoñen de beneficios como o título de familia numerosa ou para persoas maiores.


A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) ven de confirmar as queixas recibidas por parte de persoas usuarias do transporte de ferrocarril ás que RENFE está impedindo de facto viaxar, ao non permitir a formalización de viaxes cando se pretende facer uso dos beneficios inherentes a distintos colectivos de persoas vulnerables como son familias numerosas ou persoas maiores usuarias da tarxeta dourada.

Esta circunstancia foi confirmada por persoal da organización tentando a formalización de billetes de larga distancia tanto na web de RENFE como en puntos de venda na estación de Santiago de Compostela. Ate en seis ocasións entre os días 9 e 10 de xaneiro non foi posible a formalización dunha compra Santiago – Madrid – Santiago para membros dunha familia numerosa.

Como única posible opción, o persoal das estacións recomendan pagar o billete ordinario e logo reclamar a RENFE o importe correspondente ao beneficio non aplicado, unha solución non só inadmisible por negar un dereito de natureza económica aos cidadáns senón que de forma efectiva supón a negativa a viaxar para aquelas persoas que non poidan permitirse aboar un prezo que non lles corresponde e esperar a unha devolución de diñeiro que coñecendo a xestión do operador tardará meses en facerse efectiva.

Unión de Consumidores de Galicia considera especialmente preocupante esta situación, que non fai máis confirmar a nefasta xestión do operador que desde o fin da pandemia está sendo constatada por centos de persoas usuarias, e que nos últimos meses non fixo máis que agravarse coa entrada en funcionamento dos abonos gratuítos e a diversa casuística das queixas das persoas afectadas. Resulta evidente para esta organización a imposibilidade de RENFE de dotarse de sistemas de xestión que permitan o cumprimento das súas obrigas, sexan ou non de servizo público, e considera inaceptable pretender solucionar toda esta problemática realizando enquisas aos usuarios (única acción levada a cabo pola empresa). Non cabe dúbida de que RENFE suspende con rotundidade non só, no seu proceso de dixitalización, senón tamén na atención ao cliente.

Unión de Consumidores de Galicia ven de dar traslado desta situación tanto á Consellería de Política Social como á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia.