Para tentar paliar estes inconvenientes non resoltos, UCGAL considera que o Concello de Santiago debería adoptar dúas medidas en relación con esta ordenanza:
1.- En aras a mellorar a situación das comunidades de propietarios e na liña que se plantexa desde o Goberno de España, UCGAL considera que o requisito (establecido na ordenanza) de aportar certificación emitida pola comunidade na que se acredite que o uso (alugueiro turístico) está permitido, é claramente insuficiente xa que de facto os veciños residentes non serán coñecedores do uso que se pretende dar á vivenda. A xuízo da UCGAL debe esixirse un acordo expreso da xunta de propietarios validamente adoptado que permita o desenvolvemento da actividade turística por ese período máximo de 60 días respecto da vivenda á que se refire a comunicación.
2.- En materia de control da actividade temporal das VUTs, UCGAL considera imprescindible que o Concello de Santiago involucre a toda á sociedade no control desta actividade e que o faga poñendo ao seu dispor unha ferramenta que facilite a vixilancia respecto das vivendas que operen legalmente así como dos prazos nos que se desenvolve a actividade en réxime de uso asimilado.
Por este motivo, UCGAL considera que a única forma de controlar a actividade turística baixo a modalidade de VUT como uso de hospedaxe asimilado, só pode facerse a medio da creación dun rexistro público e completamente accesible para toda a poboación no que se detallen as vivendas (rúa, número, piso e letra...) que operan como VUT durante un prazo de 60 días, así como as datas concretas que foron comunicadas para cada unha desas vivendas. Esta información, de igual xeito que acontece co REAT, ao limitarse ás propias vivendas e non conter con datos de carácter persoal, respectaría as limitacións derivadas da normativa sobre protección de datos.
A maiores, e de cara a contribuír á loita contra as VUTs que operan de forma ilegal, UCGAL considera que o rexistro que debe crearse debería contar con dúas seccións. Unha dedicada ás VUTs que operen como uso asimilado por prazo máximo de 60 días de forma que se poida denunciar o abuso en canto ao dito prazo por parte de calquera que teña coñecemento do incumprimento. A segunda sección debería referir as VUT que operen con carácter habitual e que conten co correspondente título habilitante municipal, de sorte que permita á veciñanza coñecer as vivendas que operan de forma ilegal e denunciar a súa existencia ante as autoridades competentes.