Coa sinatura deste convenio, ambas as entidades pretenden favorecer e mellorar o acceso das persoas usuarias aos servizos financeiros e para isto, deseñarán conxuntamente programas de educación, información e formación dirixidos de forma especial a colectivos vulnerables, como persoas maiores ou con discapacidade. Os principais obxectivos aos que se dirixe este convenio son evitar situacións de exclusión financeira da cidadanía, así como situacións de risco na utilización dos diferentes recursos tecnolóxicos postos ao dispor das persoas usuarias por parte da entidade financeira.
Entre as actuacións previstas a desenvolver destacan as actuacións formativas nas que se abordarán o uso seguro de caixeiros automáticos e aplicacións de banca móbil e banca electrónica, se ben o convenio asinado establece a posibilidade de desenvolver actuacións informativas sobre o réxime de dereitos e obrigas das entidades financeiras e das persoas usuarias, o deseño de campañas de sensibilización, así como avanzar na mutua colaboración entre ambas as dúas entidades.