Ola! Empregamos cookies propias e de terceiros para analizar o uso desta web e mellorar a túa experiencia de navegación. Ao continuar navegando entendemos que aceptas a nosa política de cookies.

   Saber máis - Aceptar.
UCGAL organiza unha xornada para abordar o Etiquetado Nutricional Frontal dos alimentos

UCGAL organiza unha xornada para abordar o Etiquetado Nutricional Frontal dos alimentos

A xornada, que se desenvolveu baixo o título “Los etiquetados frontales en los envases alimentarios: un avance para el consumidor”, reuniu en Santiago de Compostela a profesionais e experto de primeira orde en representación de todos os axentes implicados e permitiu á Unión de Consumidores de Galicia presentar publicamente os resultados do seu informe “Etiquetado nutricional frontal: una aproximación a la visión del consumidor”.


A principal conclusión deste informe é que as persoas consumidoras están a favor da utilización dun distintivo que advirta sobre o contido elevado de azucre, graxas saturadas ou sal. Amosa tamén que o 82,68% das persoas consumidoras coñecen o risco que pode supor para a saúde un exceso de consumo de alimentos ou bebidas que conteñan un alto contido destes nutrientes. Valoran de igual forma, e nunha alta porcentaxe, que os sistemas de etiquetado frontal dos envases ou selos (FOPL, Front Of Pack Labelling polas súas siglas en inglés) se establezan por contido de nutrientes problemáticos (40,97%) ou o que identifique que composición e calidade ten un alimento (40,76%).  En todo caso, a persoa consumidora parece non optar porque se destaque o valor positivo do alimento ou bebida, nin que se lle indique se se trata dunha boa elección para ela.

Etiquetado frontal dos alimentos

Á pregunta de que tipo de selo preferirían as persoas consumidoras, obtén o maior número de respostas a información relativa ás advertencias sobre o contido de determinados nutrientes. En cambio, os datos da enquisa demostran que existe unha porcentaxe inferior ao15% que desexan que se inclúan rankings ou clasificacións con estes selos.

Claramente, os datos tamén indican que os persoas consumidores queren que este tipo de etiquetado frontal nos envases dos produtos alimenticios estea presente en todos os alimentos e bebidas, non só nos procesados e ultraprocesados.

Cada vez lense máis os ingredientes dos produtos alimenticios

Os datos tamén reflicten que as persoas consumidoras, sempre ou case sempre, leen os etiquetados, cunha porcentaxe moi elevada próxima ao 90%, o que indica que cada vez hai máis concienciación sobre o contido e parámetros que están incorporado no etiquetado físico dos alimentos e bebidas, que debe tamén estar recollido na venda online ou nos produtos que están nas web dos fabricantes ou distribuidores de alimentos, pois a persoa consumidora ten o mesmo dereito de información se este adquire o produto alimenticio fisicamente ou a través de sistemas de venta online. Neste caso os selos ou etiquetados frontais nos envases de alimentos e bebidas tamén se teñen que incorporar á información online.

O estudio cunha mostra de máis de 500 entrevistas online foi realizado pola Unión de Consumidores de Galicia baixo a dirección de Miguel López Crespo, secretario xeral desta asociación de consumidores e contou coa colaboración de Gadisa Retail e a participación científico-técnica do experto en seguridade alimentaria Prof. Rafael Urrialde de Andrés, doutor en Ciencias Biolóxicas da Universidade Complutense de Madrid.

Diego Calvo
Inauguración
Mesa política
Mesa Científica
Mesa axentes da cadea

Situacion actual do etiquetado frontal

Durante a xornada, distintos representantes políticos analizaron a actual situación do etiquetado frontal. Coa participación de Elena Candia López (PP), Xosé Luis Rivas Cruz (BNG) e María del Carmen Rodríguez Dacosta (PSdG), coincidiron en sinalar a importancia dun sistema homoxéneo e obrigatorio na UE. Na actualidade, tal e como se expuxo na xornada, “atopámonos nun momento de especial transcendencia porque Nutri-Score ou os sistemas FOPLs están na axenda política da Unión Europea”. Durante o debate aludiron á importancia de acompañar calquera tipo de etiquetado con campañas de información e formación ao consumidor xa que logo o etiquetado por si mesmo non resolverá os problemas de saúde vinculados á inxesta de alimentos e bebidas con altos contidos de graxas, azucre e sal.

Durante a mesa científica, profesionais como a doutora Rosaura Leis Trabazo, presidenta da Fundación Española da Nutrición (FEN), Paula Briones Amor, vogal de alimentación do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña, Ana Martínez Lorente, técnica en nutrición e hábitos de vida saudables da Consellería de Sanidade e a profesora Beatriz Cancho Grande, da Universidade de Vigo, destacaron a necesidade de formación e educación nutricional. Os expertos científicos alertaron sobre o problema de saúde pública que hoxe por hoxe representa a obesidade e o sobrepeso.

Puntos críticos de NutriScore

O encontro tamén acolleu a opinión dos axentes da cadea alimentaria. Así, o Director Xeral de Pesca, Antonio Basanta Fernández, lembrou a importancia de ter en conta a opinión dos expertos científicos. O presidente do Clúster da Alimentación de Galicia, Juan José de la Cerda López, puxo en valor o peso da industria en España e defendeu un etiquetado que sexa bo para a persoa consumidora pero que faga á industria máis competitiva e non a erosione, sempre poñendo o foco no consumidor. Pediu un etiquetado harmonizado e baseado na opinión científica e recalcou a importancia da educación e formación.

Pola súa banda, a responsable de seguridade alimentaria de Asedas, María Martínez Herrera, pediu que España tome unha posición, como xa o fixeron outros países da UE e alertou sobre algúns puntos críticos de Nutri-Score. Por último, a coordinadora de socioeconomía da pesca e directiva da Unión de Consumidores de Galicia, Rosa Chapela Pérez, destacou o papel activo que as persoas consumidoras debe ter en defensa da súa saúde, e para iso a información resulta un factor clave.

A última intervención foi a da xerente do Instituto Galego de Consumo e da Competencia, Sol María Vázquez Abeal, encargada de pechar unha xornada que logrou xuntar a todos os axentes implicados: políticos, expertos científicos, representantes das persoas consumidoras e de toda a cadea alimentaria.