O edificio CINC da Cidade da Cultura, acolleu o día 15 de outubro a Xornada "A sustentabilidade do envase alimentario" na que profesionais dos sectores da produción, xestión de residuos, distribución, investigación, universidades, administración e consumidores analizaron o marco normativo estatal e europeo dos envases alimentario.
A xornada foi presentada polo secretario xeral da UCGAL, Miguel López e inaugurada pola Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez, quen sinalu que a Xunta de Galicia considera fundamental avanzar na concienciación da cidadanía sobre a reciclaxe dos envases xa que logo supoñen o 30% dos residuos que se xeran nos fogares. De feito, son unha parte moi importante nos plans para reducir, reutilizar e reciclar todo tipo de refugallos. A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático agradeceu á Ucgal a organización deste evento pois promove o debate e a divulgación sobre unha cuestión vital para a preservación do medio ambiente, na que deben involucrarse tanto as administracións públicas como as entidades privadas. Ademais, lembrou, é preciso adaptarse o antes posible ás esixencias da normativa europea e das directrices internacionais co fin de atallar o cambio climático e a xeración de residuos.