O presidente de ConsumES e secretario xeral da UCGAL, Miguel López, reuniuse este martes 24 de setembro co portavoz do Partido Popular no Congreso, Miguel Tellado, co portavoz do partido na Comisión de Servizos Sociais e Consumo, Silverio Argüelles e co deputado Antonio Martínez membro desta comisión así como da Agricultura, Pesca e Alimentación.
Nesta xuntanza, Miguel López fixo unha presentación do proxecto que representa a confederación, sobre as entidades que a integran e os obxectivos que se perseguen coa súa constitución. En particular, sinaláronse aspectos como a importante base territorial que achega este proxecto ao mundo do consumo así como a dilatada experiencia do equipo directivo de ConsumES.
Por outra banda analizáronse cuestións como o estancamento de importantes proxectos normativos, como o de atención á clientela que leva máis de 20 prórrogas na súa fase de emendas ou a do defensor do cliente bancario con 17 prórrogas.
En particular, Miguel López trasladou aos responsables do partido a necesidade de traballar en prol dunha regulación dos alimentos de base vexetal que dunha forma rigorosa aborde a realidade na comercialización e publicidade deste tipo de produtos e vaia máis aló da PNL presentada polo Grupo Socialista en defensa das denominacións dos produtos cárnicos. López insistiu no enorme dano que se está causando aos produtos da pesca e da acuicultura por parte de determinados sectores mediáticos e de organizacións de corte ambientalista nunha constante demonización dun alimento cuxos beneficios para a saúde están fóra de toda dúbida. Desde ConsumES valorouse de forma moi positiva esta reunión xa que senta as bases dunha comunicación estable entre a confederación e o partido político.