Máis de 600 persoas participaron na mostra deste estudo que dunha forma accesible pretendía coñecer en que medida as persoas consumidoras galegas manteñen determinados hábitos de consumo que poden incidir dunha maneira moi directa nas cifras de desperdicio alimentario que se producen nos nosos fogares.
En primeiro termo o estudo quería coñecer como de implantado está o hábito de realizar previamente unha lista da compra antes de acudir ás tendas, neste sentido cabe destacar que máis do 69% elaboran sempre ou case sempre unha lista dos produtos que necesitan. Son os menores de 35 anos os menos seguen este tradicional consello das asociacións de consumidores.(57%)
Máis do 77% declara aproveitar as sobras para elaborar outros pratos, por idades, son os nosos maiores quen máis aproveitan os restos de comida (84%) e novamente son os menores de 35 anos quen menos uso fan de restos para elaborar outros pratos (56%).
Á hora de ir comprar, e como aspectos que poden influír nas cifras de desperdicio como consecuencia de non aproveitar ao máximo o seu potencial, o 45% dos galegos afirman acudir a ofertas do tipo 3x2 ou similares. Case o 73% afirma respectar sempre ou case sempre as datas de consumo preferente malia que en ocasións o alimento poida ser consumido. Só o 12% dos galegos afirma comprar con asiduidade alimentos próximos a caducar, unha práctica que non só pode supor una aforro para os nosos petos senón tamén contribuír a minorar o desperdicio que se produce no sector da distribución.
Por grupos de alimentos, froitas, verduras e hortalizas son os que máis veces acaban no cubo do lixo (un 50%), seguido de alimentos cociñados que nos sobraron (32%), carnes, friames e embutidos (29%). Os que menos son as conservas (9%), lácteos (16%), peixe (17%) e alimentos conxelados e preparados (18%).
Nun terceiro bloque o estudo de Unión de consumidores de Galicia quixo abordar os hábitos do consumidor á hora de comer fóra de casa e sobre este particular trasladouse a pregunta de en que medida segundo a súa experiencia os responsables dos establecementos de hostalería ofrecíanlles por propia iniciativa levar a casa os alimentos non consumidos (sexa o propio persoal ou por indicacións no establecemento). O resultado resulta a xuízo de Unión de consumidores bastante prometedor xa que o 44% dos entrevistados sinalan que sempre ou case sempre reciben esta información por parte do establecemento hostaleiro, o restante 56% con todo sinala que nunca ou case nunca este ofrecemento xorde da iniciativa do restaurante.
Pola contra Unión de consumidores de Galicia considera un bo dato que sexan moitos os usuarios dos servizos de hostalería e restauración que manifestan non mostrar reparo en solicitar eles directamente que lles sexan preparados os alimentos non consumidos para poder levalos ao seu fogar coma de feito máis dun 32% sinala que polo xeral sempre que sobran alimentos no restaurante solicitan a súa preparación para levalos consigo. Co 44% indica que o fixo nalgunha ocasión.
Preguntados por último sobre se os establecementos aplicábanlles algún custo polo envase utilizado para levar os alimentos non consumidos máis do 65% manifesta que nunca ou case nunca lles cobraron polo envase.