A autoestrada AP-9, principal eixo viario de Galicia, leva anos rexistrando incrementos continuados e moi elevados das súas peaxes, situándose de maneira recorrente entre as máis caras do Estado. Estas subas afectan a unha infraestrutura esencial e sen alternativa real, utilizada a diario por miles de persoas traballadoras, estudantes, empresas e usuarios/as.
Só desde o ano 2022, o prezo acumulado da AP-9 aumentou máis dun 25%, nun contexto no que o incremento do custo da vida (IPC) non xustifica subas desa intensidade.
A AP-9 está explotada por AUDASA en réxime de concesión administrativa estatal. A concesión inicial foi obxecto de diversas modificacións ao longo do tempo, culminando coa prórroga aprobada no ano 2000 ata o ano 2048.
En xullo de 2025, a Comisión Europea emitiu un ditame motivado dentro dun procedemento de infracción contra o Reino de España ao considerar que a prórroga podería vulnerar o Dereito da UE ao tratarse dunha modificación substancial sen nova licitación pública. A Comisión advertiu da posibilidade de acudir ao Tribunal de Xustiza da UE. Mentres non exista resolución firme, o Goberno do Estado decidiu manter a concesión vixente, xerando un escenario de incerteza xurídica recoñecida oficialmente .
En febreiro de 2026, o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, denegou á Confederación ConsumES, entidade na que se integra a UCGAL, a información solicitada no portal de transparencia do Estado, para coñecer a resposta dada á Comisión Europea no marco do citado expediente que avalía a legalidade da prórroga da concesión, por considerar que conceder a dita información suporía un prexuízo para a garantía da confidencialidade ou o segredo requirido nos procesos de toma de decisión.
As actualizacións das tarifas non son decisión directa da concesionaria, senón que se aproban mediante acordo do Consello de Ministros, por proposta do Ministerio de Transportes, en aplicación do réxime concesional. A subida autorizada para 2026 (4,68%) non responde exclusivamente ao IPC, senón á aplicación combinada de distintos compoñentes do contrato concesional, incluíndo incrementos asociados ao financiamento de obras e recuperación de limitacións anteriores.
En contraste, o IPC en Galicia situouse arredor do 2,7% en 2024 e do 2,6% en 2025, consolidándose unha tendencia na que as peaxes medran sistematicamente por riba do custo real da vida.
Con esta iniciativa, compartida polo inmensa maioría da sociedade galega, UCGAL quere poñer de manifesto e trasladalo así ao Goberno de España que a persistencia das peaxes na AP9 non responde a unha fatalidade económica, senón a unha falta de vontade política.
A AP9, ten un importante impacto na cohesión territorial. A AP9 divide Galicia en dúas. Liberala permitiría unha maior integración económica e social entre as cidades e as comarcas rurais limítrofes.
Desde a perspectiva da seguridade viaria, a liberación de peaxes trasvasaría miles de vehículos das estradas convencionais (máis perigosas e con maior sinistralidade) cara á autoestrada, salvando vidas e reducindo o impacto dos accidentes na sanidade pública.
E por suposto afonda na nosa dignidade cidadá. Apoiar este manifesto é un acto de defensa propia. Galicia non pide privilexios, pide simplemente o mesmo trato que recibiron xa Valencia, Cataluña ou Andalucía.