Ademais das tres categorías principais, cuxos gañadores foron elixidos na fase final dos premios, logo da participación de máis de 1.000 persoas, a Directiva da UCGAL acordou entregar dúas MENCIÓNS ESPECIAIS a empresas ou entidades que destacan polo seu compromiso coa sostibilidade ou a responsabilidade social, que se enmarcan dentro da economía social, da economía circular ou da economía azul, que apostan pola economía local, promoción da cultura e lingua galega, e se esforzan en promover a sustentabilidade e a protección do medio ambiente, así como accións formativas e informativas, ou campañas de comunicación. Con estas mencións, UCGAL pretende honrar a entidades ou empresas que van máis aló do seu papel tradicional e fan unha contribución significativa á sociedade galega.
A primeira mención especial correspondeu ao Mercado de Abastos de Santiago, un destino de referencia que une nun mesmo espacio o mellor do noso campo e do noso mar. O mercado de abastos de Santiago respira a esencia da gastronomía local desde 1873 e non só proporciona produto fresco e de calidade senón que está considerado como un monumento vivo da capital de Galicia. Con servizos innovadores como os pedidos en liña ou a entrega a domicilio, este mercado histórico adaptouse ás necesidades modernas sen perder a súa alma tradicional, representando a perfecta fusión de pasado e presente e servindo como testemuño da necesidade de innovar para dar servizo ás demandas das persoas consumidoras. A mención especial foi entregada por Carolina Castro Mariña, directiva da UCGAL e pola Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo. O premio foi recollido pola presidenta da Cooperativa do Mercado de Abastos de Santiago, Marina Mazas García.